Avsnitt
-
Cunha primicia na voz da irmá de Begoña Caamaño, Beatriz, arranca o programa de radio ao vivo celebrado o 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago. Un encontro festivo que serve de epílogo ás cinco entregas de Poñer a Voz, coas voces de periodistas de varias xeracións e coa lectura de textos de Caamaño da man das súas compañeiras da radio.Conducido por Mónica Rosas, no encontro participan, entre outras profesionais, Lucía Junquera, Ana Romaní, Sonia Díaz, María Xosé Porteiro, Pablo Lago e Marga Tojo. Ao longo de dúas horas as participantes debullan o pasado, analizan o presente e albiscan o futuro do xornalismo a partir da traxectoria de Caamaño, do seu rigor profesional, o seu compromiso e a súa alegría. O peche musical vén da man de Uxía, con dous temas escritos para ela.
-
17 de maio de 2026: Galicia celebra a unha xornalista de radio e de prensa, escritora, viaxeira, sindicalista, defensora dos dereitos humanos, da lingua, dos medios públicos, feminista. Estas Letras Galegas permítennos coñecer a unha profesional valente, decidida nas súas posturas, que arriscou e loitou polas causas que consideraba xustas. Unha activista do xornalismo. Unha autora liberadora. Neste último episodio de Poñer a voz abordamos o legado de Begoña Caamaño e a súa herdanza para as futuras xeracións de xornalistas.
-
Saknas det avsnitt?
-
Cando Begoña Caamaño comeza a traballar na radio en Vigo, atopa nas redaccións, na rúa e nas roldas de prensa a un grupo de mulleres que, coma ela, comezan a chegar a un oficio ata entón moi masculinizado. Son eses primeiros ambientes de xuventude os que espertan nela unha conciencia feminista que será, de maneira transversal, o motor da súa vida. Fe de erratas: Begoña faleceu no 2014, non no 2012, como se di nun momento determinado.
-
Co himno galego e coa voz de Nicolás Camino comezaban as emisións de proba da Radio Televisión Galicia en 1985. Unha radio moi diferente á de agora, que buscaba "construir uns medios públicos para un país", en palabras de Begoña Caamaño. A esa radio chega Begoña en 1988, cando se crea a delegación de Vigo. Xa a partir de 1992 traballaría nos estudios centrais de San Marcos.Neste capítulo contamos como era esa Radio Galega de Begoña Caamaño coas voces de Ana Romaní, Fani del Rio e Concha Cid-Fuentes.
-
Begoña Caamaño converteuse en xornalista percorrendo as rúas de Vigo, igual que fixera tantas veces durante a súa infancia e xuventude, pero desta vez, cun micrófono na man. Tiña vinte e poucos anos. Estudara maxisterio e nos veráns buscaba traballo para poder gañar uns cartos. Así, crúzase no seu camiño unha oferta de prácticas nunha emisora, Radio Noroeste.
-
Neste capítulo de presentación de 'Poñer a voz' imos coñecer a Begoña Caamaño como xornalista, escritora e amante dos mitos. Tamén escoitaremos por primeira vez as voces que nos van acompañar neste relato sonoro. A través da súa memoria chegamos hoxe á nosa protagonista.